martes

Ana Miranda: «A UE, tal e como está deseñada a día de hoxe, non nos representa»

16 de xullo de 2013 


 

Rematado o período do escano do BNG no Parlamento Europeo despois de dezaoito meses, Ana Miranda (Cuntis, 1971) fai balance deste ano e medio a piques de iniciar uns días de descanso.
-Máis alá do seu argumento de que a fronte é a única formación galega que defende os intereses de Galicia en Europa, ¿que é o que lograron concretamente vostedes neste tempo? 
-Ademais de visualizar ao noso país na Eurocámara houbo iniciativas. Por exemplo, un trato diferenciado de pesca artesanal e do marisqueo. Foi unha iniciativa nosa, apoiada por outros, claro. Conseguimos introducir na directiva de impacto ambiental que haxa un estudo polo miúdo contra a minería a ceo aberto. Logramos que se teña en conta o elemento demográfico nos futuros fondos europeos. E máis cousas...
-¿Por exemplo? 
-Que haxa un maior apoio as denominacións de orixe, que viñera unha delegación a visitar ás rías. Foi unha petición nosa.
-¿E o resto do traballo dos eurodeputados galegos? 
-Iso terás que preguntarlle a eles. So un dato: eu triplico o número de iniciativas, pero cuadriplico no plenario a media de intervencións do PP e do PSOE. Nós tiñamos claro que este era o escano do pobo galego. E eu moi poucas veces os escoitei falando de Galicia. No debate de marzo da PAC, no que se defendía a continuidade das cotas lácteas, fun a única eurodeputada galega presente na sesión.
-Agora está de máxima actualidade o asunto do tax lease... 
-Iso está practicamente pechado. Vai haber unha modulación da devolución de máis ou menos en función do tempo, pero que vanse ter que devolver axudas, está clarísimo. A nós xa nolo dixo o responsable do informe hai practicamente tres meses. Isto era impepinable. O Estado non fixo os deberes en tempo e forma. Pero todo este problema obedece ao pouco peso que ten España na UE. Se fora un comisario francés isto non acontecía.
-Pois todos os dedos sinalan a Joaquín Almunia... 
-O Estado español estase a escudar niso, cando aquí as culpas están repartidas.
-¿Con quen vai a ir o BNG ás europeas? 
-Nós concorreremos con quen nos permita defender os intereses galegos. O ideal sería unha candidatura nacionalista que se poida sumar a idea da Europa dos pobos, pero está aberto. Queda un ano e seguimos traballando. Lanzamos xa ofertas a outras forzas como Anova e Compromiso.
-¿E vai repetir vostede como candidata? 
-Eu teño disposición e ilusión para o que me diga o BNG e o que decida a súa militancia. Para min foi unha honra traballar na Eurocámara polo meu país este ano e medio.
-O Bloque é moi crítico co actual deseño e coas políticas da UE. ¿Merécelle a pena a Galicia estar neste proxecto se todo vai tan en contra dos seus intereses? 
-Nesta Unión Europea, tal e como está agora, dende logo que non. ¿Que é a UE neste momento? Ao final é un Consello e un Parlamento de maioría conservadora. E por outra parte, na Comisión, 21 dos 27 comisarios son de partidos de dereita. Pero hai que loitar por outra Europa: unha Europa social, dos pobos, e aí poderemos conseguir cousas.
-¿Pero en todo este tempo non houbo nada positivo para Galicia? 
-Eu creo que moitos dos males veñen de como se fixo a entrada, o que chamamos o pecado orixinal. Pero hai cousas positivas: a idea de europeizarnos, de homologarnos a outros territorios e outras nacións avanzadas no eido social, pero todo iso veuse abaixo coa crise. Aquí houbo malos xestores, pero a Unión Europea, tal e como está deseñada a día de hoxe, non nos representa.


Seja o primeiro a comentar

Etiquetas

Followers

Boicoz © 2008 Template by Dicas Blogger.

TOPO