Ana Miranda: «A UE, tal e como está deseñada a día de hoxe, non nos representa»
Santiago / La Voz
16 de xullo de 2013
Rematado o período do escano do BNG no Parlamento
Europeo despois de dezaoito meses, Ana Miranda (Cuntis, 1971) fai
balance deste ano e medio a piques de iniciar uns días de descanso.
-Máis alá do seu argumento de que a fronte
é a única formación galega que defende os intereses de Galicia en
Europa, ¿que é o que lograron concretamente vostedes neste tempo?
-Ademais de visualizar ao noso país na Eurocámara
houbo iniciativas. Por exemplo, un trato diferenciado de pesca
artesanal e do marisqueo. Foi unha iniciativa nosa, apoiada por outros,
claro. Conseguimos introducir na directiva de impacto ambiental que haxa
un estudo polo miúdo contra a minería a ceo aberto. Logramos que se
teña en conta o elemento demográfico nos futuros fondos europeos. E máis
cousas...
-¿Por exemplo?
-Que haxa un maior apoio as denominacións de orixe, que viñera unha delegación a visitar ás rías. Foi unha petición nosa.
-¿E o resto do traballo dos eurodeputados galegos?
-Iso terás que preguntarlle a eles. So un dato:
eu triplico o número de iniciativas, pero cuadriplico no plenario a
media de intervencións do PP e do PSOE. Nós tiñamos claro que este
era o escano do pobo galego. E eu moi poucas veces os escoitei falando
de Galicia. No debate de marzo da PAC, no que se defendía a continuidade
das cotas lácteas, fun a única eurodeputada galega presente na sesión.
-Agora está de máxima actualidade o asunto do tax lease...
-Iso está practicamente pechado. Vai haber unha
modulación da devolución de máis ou menos en función do tempo, pero que
vanse ter que devolver axudas, está clarísimo. A nós xa nolo dixo o
responsable do informe hai practicamente tres meses. Isto era
impepinable. O Estado non fixo os deberes en tempo e forma. Pero todo
este problema obedece ao pouco peso que ten España na UE. Se fora un
comisario francés isto non acontecía.
-Pois todos os dedos sinalan a Joaquín Almunia...
-O Estado español estase a escudar niso, cando aquí as culpas están repartidas.
-¿Con quen vai a ir o BNG ás europeas?
-Nós concorreremos con quen nos permita defender
os intereses galegos. O ideal sería unha candidatura nacionalista que se
poida sumar a idea da Europa dos pobos, pero está aberto. Queda un ano e
seguimos traballando. Lanzamos xa ofertas a outras forzas como Anova e
Compromiso.
-¿E vai repetir vostede como candidata?
-Eu teño disposición e ilusión para o que me diga
o BNG e o que decida a súa militancia. Para min foi unha honra
traballar na Eurocámara polo meu país este ano e medio.
-O Bloque é moi crítico co actual deseño e
coas políticas da UE. ¿Merécelle a pena a Galicia estar neste proxecto
se todo vai tan en contra dos seus intereses?
-Nesta Unión Europea, tal e como está agora,
dende logo que non. ¿Que é a UE neste momento? Ao final é un Consello e
un Parlamento de maioría conservadora. E por outra parte, na Comisión,
21 dos 27 comisarios son de partidos de dereita. Pero hai que loitar por
outra Europa: unha Europa social, dos pobos, e aí poderemos conseguir
cousas.
-¿Pero en todo este tempo non houbo nada positivo para Galicia?
-Eu creo que moitos dos males veñen de como se
fixo a entrada, o que chamamos o pecado orixinal. Pero hai cousas
positivas: a idea de europeizarnos, de homologarnos a outros territorios
e outras nacións avanzadas no eido social, pero todo iso veuse abaixo
coa crise. Aquí houbo malos xestores, pero a Unión Europea, tal e como
está deseñada a día de hoxe, non nos representa.
Seja o primeiro a comentar
Publicar un comentario